Friday 03 de May de 2024

O Samaín protagoniza a programación cultural do mes de outubro do Concello de Ortigueira


• A axenda presenta múltiples actividades para todas as idades e gustos

• Manteranse as xornadas informativas do ciclo ‘Ao redor dun café’ e haberá, ademais, un curso de formación dixital na aula CeMIT

O Concello de Ortigueira presenta a súa Axenda Cultural para o mes de outubro, na que están programadas diferentes sesións para todos os públicos e gustos. O prato forte será o Samaín, que se concentrará entre os días 28 e 31 con múltiples iniciativas.
A primeira actividade terá lugar do 4 ao 6 de outubro, ás 10:30 horas, na aula CeMIT. Trátase dun curso de iniciación en deseño e impresión 3D que necesita inscrición previa. Pode formalizarse de forma presencial na aula CeMIT, no número de teléfono 981 40 25 33 ou a través do correo electrónico cemit.ortigueira@xunta.gal.

O venres, 6 de outubro, o Teatro dá Beneficencia acollerá, ás 19:30 horas, a presentación do libro ‘O Ortegal: Secreto e Insólito’, de José Manuel Suárez Sandomingo. O acceso será libre e completamente gratuíto.

Continúa a actividade o sábado, día 7. Terras do Ortegal organiza a visita teatralizada ‘Federico Maciñeira na Vila de Ortigueira’. Suso Martínez será o encargado de canalizar a xornada interpretando a D. Federico Maciñeira polas rúas do municipio. É necesario inscribirse previamente no teléfono 609 050 401 e terá un prezo de 11 euros para persoas socias e 13 euros para as non socias.
O martes, 10 de outubro, regresa o club de lectura cunha reunión inaugural na que se tratarán, na biblioteca municipal, as lecturas e actividades do curso 23-24. Será ás 18:00 horas.
Ao día seguinte, mércores día 11, realizarase unha xornada para achegar a medicina á poboación con Sabela Sánchez Trigo, especialista en medicina interna na área sanitaria de Ferrol. Será de acceso libre, ás 19:30 horas, no Teatro dá Beneficencia.

No mesmo lugar, o sábado, día 14, Néboa Events organiza un show de maxia que deixará pampo ao público cos ilusionantes trucos de Pedro Volta. As entradas están xa á venda a través da plataforma dixital www.woutick.com

Os pequenos e pequenas da familia serán os destinatarios directos da xornada do martes, día 17, na que poderán gozar do contacontos de Genma Pardo ‘Pipi medias longas: a meniña máis forte do mundo’, a partir das 17:00 horas na biblioteca municipal.

Eva Iglesias e Inma Morandeira protagonizarán o espectáculo do sábado, 21 de outubro. ‘Nais’ é unha comedia repleta de situacións disparatadas na que dúas persoas coñécense por casualidade na sala de espera dun xinecólogo. Será ás 19:30 horas no Teatro dá Beneficencia e terá un prezo de 3,50 euros.

O martes, día 24, terá lugar a presentación do libro ‘Escoitarei a túa voz dicindo que xa é primavera’, da autora local Obdulia Dopico Cachán. Será na biblioteca municipal ás 19:00 horas.

O xoves, día 26, haberá un curso de iniciación en intelixencia artificial no que se presentarán exemplos prácticos e aplicacións cotiás. Será ás 11:00 horas na aula CeMIT.
O ‘Samaín’ será o protagonista destes últimos días do mes de outubro. Unha programación ‘terrorífica’ con actividades para todos os públicos.

Comezará ás 12:00 horas cunha visita guiada ao cemiterio municipal, un dos máis importantes de Galicia dada a súa antigüidade. Farase da man do guía, actor e historiador Suso Martínez. Será completamente gratuíta e necesita inscrición previa no 981 422 089.
Pola tarde haberá diferentes actividades dirixidas, especialmente, ao público infantil. Ás 16:30 horas no Claustro do Concello realizaranse talleres e haberá unha casa terrorífica na que se darán os mellores sustos.

A partir das 20:30 horas a Praza Isabel II encherase de cabazas, entre as que se seleccionarán as mellores. Ás 21:00 horas haberá un gran magosto popular.
O mes péchase o martes, día 31, coa charla ‘Crenzas e Supersticións na Comarca do Eume’, organizada pola Asociación Terras do Ortegal en colaboración coa biblioteca municipal, onde se celebrará a actividade. Correrá a cargo de José María López Ferro, mestre e director do Museo Etnográfico Monte Caxada das Pontes.

Actividades e cursos
En paralelo ás múltiples actividades organizadas para este mes, continuará o ciclo de xornadas informativas ‘Ao redor dun café’, onde os veciños e veciñas das parroquias poderán coñecer a actualidade municipal e, a maiores, facer as súas sugestiones e recomendacións.

Ademais, na aula CeMIT levará a cabo o curso ‘Axentes do cambio: transformación dixital de PEMES’, que ten o obxectivo de mellorar a inserción laboral dos mozos que se atopen en situación de desemprego e formalos en materia de dixitalización.